Saturday 20 de April de 2024

O Concello de Miño propoñerá bautizar á biblioteca municipal co nome de ‘Concepción Arenal’


A proposta levará a pleno o vindeiro mércores, 11 de novembro.

A biblioteca pública de Miño cumpre este ano os seus primeiros 30 anos de existencia, e o goberno local
quere aproveitar a efeméride para darlle a relevancia que merece un servizo tan importante para a vida
cultural do pobo. Por unha banda, coas obras xa iniciadas que lle van a dar máis operatividade e permitir
novos usos da instalación, e por outra bautizala co nome dunha figura insigne, proposta que levará
a pleno o vindeiro mércores, 11 de novembro.
A figura elixida para honrar prestando o seu nome á biblioteca é Concepción Arenal, unha muller
sobradamente coñecida pola súa traxectoria como visitadora de cárceres, pensadora e ensaísta. Menos
divulgada é a súa faceta como precursora do feminismo en anos tan temperáns como os do século XIX,
denunciando as desigualdades entre mulleres e homes.
E o que si é ignorado pola maioría da xente, incluídos os veciños e veciñas de Miño, é que residiu na
localidade (concretamente en Leiro) entre os tres e os nove anos, os que máis marcaron a súa traxectoria
vital. Durante eses seis anos a súa familia estivo en Leiro debido á enfermidade do seu pai, e a pequena
Concepción empapouse das ideas daquel militar liberal e pacifista, ideas que mantivo en toda a súa vida
adulta e que determinaron toda a súa obra literaria e social.
En palabras do alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, “non se nos ocorre mellor maneira de render homenaxe a tan destacada veciña que poñerlle o seu nome no 200 aniversario do seu nacemento (en 1820) á principal instalación cultural municipal, a biblioteca, que ademais tamén cumpre anos.”